POLO 25 DE ABRIL,21. Canto estrume cumprirá para tapar a verdade? Canto esterco en fermento adobiado para botar, impunemente, sobre a nosa historia, protohistoria e prehistoria? Cincocentos anos non conseguiron ocultar a verdade. Arrincar palabras coma: nazón, país, raza, patria . Galiza, fósil sementado de petróglifos e mámoas, de castros e estelas funerarias, de innúmero de templos e inscricións! Documentos trasladados e deturpados, falsificados, ocultados e destruídos impunemente esfachicados. Máquinas a destruir castros e mámoas, a desidia obediente e colonizadora desta governía comprada, mediocre, comodamente acomodada, covarde, dócil e submisa. Toda esta acción cara a arrincar de raíz a nosa identidade, a identidade do ser e saber desta Terra, mais todo foi e será esforzo baldío pois aquí as verdades foron son e serán escritas nas pedras nos penedos do monte, nos miles e miles de recunchos, “prados, ríos e arboredos”, nos infindos nomes das cousas, nos lugares máxicos, nos eidos, nos sentimentos, nas emocións, nos lamentos nos sabores, ollares e recendos aínda vivos, vívidos. Mais ese universo que sae da Natureza queren destruílo tamén, queimalo, queimar á Natureza aínda que os carballos incen polas beiras do eucalipto. Queren arrasar todo, que non quede nada: a paisaxe, os socalcos, os castros, a memoria oral, os documentos, borrar do planeta un País unha cultura, unha maneira de ser, de amar, un alento! Queren facer un país global, sen identidade. A identidade ha de vir de fóra, esta nosa non val, pois senten vergoña dela! Teiman en sacrificar á Terra a asobalhar as sacras montanhas, “queren vender a nazóm” que venhan a depredar de balde, sen lucro algún para os donos, para a nosa Terra. Hai que exportar enerxía, inzar de muinhos de vento cada cume, para que medre a industria alhea e alumee os inmensos formigueiros urbanos estranxeiros, aquí que non quede pedra riba de pedra, nin memoria! Se é preciso aplicamos unha lei de expropiación e expolio, 1984 xa chegou a Galiza! Mais non é posível destruír o indestrutível, “ se non podes cantar ergueito asubía polo baixo” Ou! inxénuo inimigo da Terra, de fóra ou de dentro, esta batalla xa foi gañada, fai séculos! Mentres lentura na Terra haxa, semente nova a prender e todo ficar gardado en Portugal, non hai nada que temer! Axuntémonos todos! Benito Eladio Rodríguez Fernández 30/11/2019
